Sunday 28 de April de 2024

A Xunta organizará actividades ambientais no marco da terceira proba da Tripla Coroa Illas Atlánticas para divulgar os valores do Parque Nacional


Do Campo subliña a importancia dun evento de carácter internacional coma este para visualizar que a protección e o uso público dos espazos naturais poden ser compatibles

Galicia acollerá este sábado a terceira proba da Tripla Coroa Illas Atlánticas, unha das competicións a nado máis duras de Europa e que volverá contar co apoio da Xunta. Na rolda de prensa previa ao evento, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, explicou hoxe que, á marxe da proba deportiva que se disputará entre Ons e a localidade pontevedresa de Combarro, o Goberno galego organizará unha serie de actividades medioambientais na propia illa.

O obxectivo, tal e como indicou, é que a Tripla Coroa Illas Atlánticas sirva de escaparate internacional para divulgar e poñer en valor a riqueza natural, paisaxística e patrimonial que atesoura o único Parque Nacional de Galicia. Para iso, están programados toda unha serie de actividades que se desenvolverán paralelamente á travesía a nado grazas á colaboración do persoal e da dirección do Parque.

O programa, no que xa hai 50 persoas anotadas, levarase a cabo no arquipélago de Ons e incluirá unha ruta guiada para que os acompañantes dos deportistas poidan coñecer a fondo a contorna e unha batida de limpeza na mesma praia que acollerá a saída da proba. Ademais, convocarase un concurso de fotografía entre todos os inscritos para premiar as tres instantáneas máis orixinais e que mellor representen á illa.

Este conxunto de actividades buscan promover a conservación do medio mariño e concienciar tanto aos nadadores como aos seus familiares e amigos da necesidade de protexer o noso medio ambiente. Unha acción que serve para lanzar o compromiso e a concienciación en materia de protección das augas, da flora e da fauna do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Durante a súa intervención, Belén do Campo subliñou o “espectacular percorrido” que lles agarda aos máis de 120 nadadores inscritos nesta proba, un traxecto que arrancará na praia de Area de Cans, en Ons, pasará pola costa de Sanxenxo e Poio, e deixará atrás a illa de Tambo antes de chegar á meta.

Por iso, máis alá da importancia da Tripla Coroa Illas Atlánticas desde o punto de vista deportivo, a directora xeral fixo fincapé na dimensión ambiental que teñen acontecementos deste tipo, porque axudan a visualizar que é posible lograr un equilibrio entre os usos sostibles dos espazos naturais e a súa protección.

Cómpre lembrar que esta será a terceira e última proba que se disputa no marco da segunda edición da Tripla Coroa Illas Atlánticas, unha das competicións de natación máis duras e longas de Europa na que participarán deportistas de toda España e de países como México e Portugal.

A pandemia obrigou a suspender en 2020 a travesía prevista, que finalmente se celebrará este sábado, 4 de setembro, e consistirá nun percorrido en augas abertas de 23 km entre a illa de Ons e Combarro, coas máximas garantías de seguridade e cumprindo cos correspondentes protocolos sanitarios.